Páginas

domingo, 3 de diciembre de 2017

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

En 1992, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas proclamou o día 3 de decembro como Día Internacional dos Impedidos. A Asemblea fixo un chamamento ós Estados Membros para que celebraran con especial énfase este Día, con miras a fomentar a integración na sociedade das persoas con discapacidades.

Desde a ANPA Laverde Ruíz consideramos que esta integración debe comezar nos centros educativos, pero tamén somos conscientes de que para lograr este obxectivo fai falla mellorar uns recursos que están sendo sistematicamente reducidos coa desculpa da crise: aumento da ratio alumnado/profesor, redución dos profesores de apoio (PT) e orientadores que comparten dous e tres centros... A isto hai que engadir a falta de formación do profesorado que se atopa totalmente abandonado ante os casos que atopa na clase, e a falta de implicación da Consellería, que non ofrece ningún tipo de formación necesaria para traballar con calquera neno con Necesidades Educativas Especiais (NEE).

Recomendámosvos ver este vídeo, onde Constanza Orbaiz, psicopedagoga con parálise cerebral nos relata o seu punto de vista sobre esta problemática.
Tamén podemos botar man de libros e contos accesibles para os máis pequenos. Desde aquí recomendamos O cazo de Lorenzo, de Isabelle Carrier, que nos fala dun neno, Lorenzo, que ten unha minusvalía representada por un cazo, que vai arrastrando e non lle permite facer algunhas cousas igual que os demais. A historia de Lorenzo explícanos como este neno "especial" vive a súa vida coas súas limitacións, e ensínanosa comprendelas, a aprender a vivir con elas e sacarlles todo o proveito do mundo. Todos temos as nosas capacidades e as nosas limitacións, por iso hai que saber identificalas para aprender a vivir con elas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario