Páginas

miércoles, 1 de marzo de 2017

O Conto de Barriga Verde na Casa-Museo de Manuel María



A Casa-Museo Manuel María, a ANPA do CEIP Laverde Ruíz de Outeiro de Rei e a ANPA do CEIP Otero Pedrayo de Rábade programan para este vindeiro sábado 4 de marzo ás 18 horas no auditorio da Casa-Museo O conto de Barriga Verde, un espectáculo para público infantil e familiar que, a través da maxia e da narración oral, constrúe unha fermosa historia a partir de tres obras do noso poeta veciño Manuel María: Barriga verde, Os soños na gaiola e Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela.

O espectáculo ao que vos convidamos corre a cargo do actor cómico Fran Rei, coñecido na escena galega por proxectos como Os Sete Magníficos+1 e o Festiclown ou pola súa participación na ONG de cooperación internacional Pallasos en Rebeldía. A historia está escrita polo actor Avelino González e a dirección escénica é de Tereixa Campo.

Fiz, un mozo labrego, ten que se enfrentar a Serrador e a Demo polo amor da sempre beliza Moza. Coa axuda da maxia do seu padriño Barriga Verde, mozo e vello demostrarán que nada é máis forte que o amor verdadeiro.

O prezo da entrada para este espectáculo é de 2€. As entradas pódense reservar anticipadamente a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou do teléfono 698 177 621. Poderanse retirar na propia Casa-Museo desde 1 hora e até 10 minutos antes do inicio da función, pagándose no momento. Se despois da reserva aínda as houbese, poranse á venda as entradas dispoñíbeis até completar o aforo do auditorio.

Agardámosvos!

No hay comentarios:

Publicar un comentario